ÉXITO DA CANDIDATURA
URBANA SANTIAGO NORTE é xa un proxecto real
[11/06/08] O Ministerio de Facenda acaba de facer público o nome das 43 cidades do Estado español que teñen sido seleccionadas no programa Iniciativa Urbana 2007-2013, para impulsar proxectos de desenvolvemento urbano sustentable. Santiago de Compostela e o seu proxecto Urbana Santiago Norte foi unha das elixidas e recibirá 8 millóns de euros procedentes dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
As voceiras municipais do BNG e do PSOE, Socorro García e Marta Álvarez-Santullano, anunciaron a nova sobre a concesión deste proxecto, que permtirá o desenvolvemento socio-urbano de varios barrios do norte da cidade. É a primeira vez que Santiago é seleccionada na Iniciativa Urbana
García Conde tivo palabras de agradecemento para as entidades que apoiaron esta iniciativa, "que recolle as demandas das organizacións sociais das zonas beneficiarias". Ademais, destacou a "transversalidade" deste proxecto, no que participan diferentes concellarías, a participación cidadá no mesmo e o papel que xogará "no reequilibrio territorial da cidade".
Pola súa parte, Álvarez-Santullano, esta elección é "un recoñecemento ao modelo de cidade sustentable polo que apostou Santiago e unha oportunidade para a rexeneración urbana dos barrios do norte da cidade". Neste sentido, incidiu no que suporá "para a mellora da calidade de vida dos cidadáns".
Rexeneración urbana
O ámbito físico de actuación vai ser o que conforman os barrios máis antigos e tradicionais da zona norte da cidade: Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, San Caetano, Basquiños, Ultreia, Espírito Santo, A Estila, A Almáciga, San Pedro, Concheiros, Belvís e Quiroga Palacios. Trátase dunha área que presenta un volume demográfico superior aos 15.000 habitantes.
Co desenvolvemento do Urbana Santiago Norte preténdese lograr unha rexeneración económica e social destes barrios, equilibrando ou equiparando a súa situación coa do resto da cidade. Dentro das actuacións previstas no proxecto terán gran protagonismo os programas de dinamización social, igualdade de oportunidades e formación de colectivos en risco de exclusión, que se levarán a cabo en todos os barrios que forman parte do proxecto.
Santiago foi seleccionada para a Iniciativa Urbana xunto con outras 43 cidades españolas, tres delas galegas (Lugo, A Coruña e Ferrol). En total presentáranse 102 propostas.